Na beira do Lete

... alampan os recordos todos, como brasas atizadas polo vento da morte.

31 de maio de 2013

A escapatoria (I)

Estaba ansioso cando vin comezar por primeira vez a película Aliens, o regreso (James Cameron, 1986). Despois dunha primeira entrega asfixiante, de pura claustrofobia, ese "regreso" que se anunciaba no título español figurábaseme como unha alusión á volta á Terra da protagonista Ellen Ripley. De feito, as primeiras escenas contan como a mandan cara a alí cando é rescatada, despois de 57 anos de hipersono, como única supervivente do cargueiro espacial Nostromo. De seguido, amósasenos brevemente o familiar e azulado orbe, verdadeiro final feliz do pesadelo que dirixira Scott; pero apenas descendemos coa vista sobre o planeta, nunha xogada desacougante, irrompe no plano a escura estampa dunha estación orbital. Este é o destino final de Ripley, que no canto de terra firme, desembarca noutro limbo hermético e rigorosamente tapiado, agora dominado pola cor branca, onde o que atopa, no canto de hospitalidade, son os burócratas da empresa armadora afanados en responsabilizala dos danos sufridos pola misión.

Despois dunha elipse, un momento de esperanza, unha escapatoria: Ripley aparece perante un bosque, sentada nun banco, ensumida no murmurio dos paxaros. Se cadra, liberada das súas obrigas profesionais unha vez sancionada coa perda da licenza de voo espacial, acada por fin o descanso nalgún lugar coñecido da superficie terrestre: un lugar aberto como unha fiestra entre os fentos, que se vai graduando dende a fresca e húmida sombra que proporciona o dosel arbóreo do primeiro termo ata o clareiro do fondo, no que as formas se desintegran atravesadas por un potente sol de mediodía. A continuación, un leve paneo á dereita revela que Ripley contempla unha natureza artificial, unha imaxe que se representa momentaneamente nunha gran pantalla perante a que se coloca o banco e unha serie de plantas de maceta, que se enfeita con efectos sonoros e que finalmente se apaga e se disipa cando alguén entra pola porta: o escenario segue a ser o interior blindado e estandarizado da estación orbital.

Como demo é posible que en semellante contexto de progreso tecnolóxico, co universo enteiro a disposición do ser humano, o único horizonte de paz e felicidade veña encarnado por un banco e uns fentos? Como se explica que a única vez que se abre unha fiestra á luz do día no tramado de cables e carcasas, ou ben de lóbregos pedregais, sexa despregando o vello repertorio da pintura paisaxista, como ese "espazo de seguridade" dado polo enmarque lateral da imaxe tan empregado dende Claudio Lorena, ou o motivo do clareiro de bosque típico da Escola de Barbizón, ou simplemente ese principio enunciado por Constable polo cal a beleza pode atoparse debaixo de calquera sebe? "Non recoñezo este lugar", di Ripley deitada na cama do hospital. Precisamente porque non se atopa en lugar ningún: todo lugar implica un recoñecemento, unha memoria de escala humana, unha familiaridade, un certo afecto que ela non é quen de experimentar no buraco blindado dun búnker. E por iso procura evocar o coñecido nun trompe l'œil, un dispositivo nin sequera concibido para satisfacer tan alta arela, senón para trivializala e reducila a unha distracción entre horas, a un simple pasatempo. A saudade de Ulises toma aquí a aparencia da natureza terrestre: da luz do sol, das trémulas ramas das árbores, da herba húmida e da mesta matogueira ausentes no abismo interestelar. Pero neste caso non hai volta ao fogar: encadeada a un tempo que xa non é o dos seus seres queridos, Ripley vese abocada a retornar para sempre ao corazón dese ningures.

Do non-lugar ao lugar-absoluto: collín a idea moi rápido e, pleno de consciencia, boteime fóra por aquela porta que sempre estaba aberta. Pasadas as dez e media aínda escorregaban as últimas luces daquel xuño por entre os verdes e dourados da vexetación, formando as diferentes especies de árbores bandas cromáticas nítidas e rutilantes, namentres a terra toda se estremecía polo acorde silandeiro que o vento arrincaba das pólas e que volvía reverberado dende a rosada cúpula de mármore. Foi como espertar aliviado dun pesadelo, aferrándome forte ao presente, pero tamén algo confortado pola sensación de que os medos rara vez se fan realidade.

Fotograma de Aliens, o regreso (1986)

2 comentarios:

A Raíña Vermella dixo...

Sempre pensei que o máis complicado da ciencia ficción é imaxinar, non a tecnoloxía, senón os cambios sociais e psicolóxicos que o futuro vai traer consigo, como nas novelas de Verne, onde os adiantos tecnolóxicos non modifican en absoluto unha sociedade decimonónica de corsés e proletariado industrial. Se cadra cando exploremos o espazo, a nosa concepción da vida humana, do tempo e das relacións será tan completamente diferente que non podamos nin imaxinala dende este recuncho do espazo-tempo. (Aliens, peliculón, aínda así ;)

Agurdión dixo...

A min con Alien pasoume parecido que con Matrix, que me atrae a representación que se fai do mundo, pero me aburren as batallas e os tiros propiamente ditos, e non é que abarquen pouco tempo. Estou dacordo contigo na dificultade que supón imaxinar o futuro dende unha perspectiva tan limitada. A nivel anticipatorio moitas das proxeccións da ciencia ficción deixan moito que desexar. Pero algunhas si me parecen interesantes en tanto, revestíndose de futurismo, están a falar dalgunha faceta do presente. Algúns dos episodios de Black Mirror gustáronme neste sentido. Algo disto ten o primeiro, o do presidente e o cocho, que nun principio me pareceu pésimo dende un punto de vista verosimilista. Pero en canto ao que falaba no post de atmósfera agobiante, pechada, carceraria, só suspendida brevemente mediante as ilusións da pantalla, "15 Million Merits" fíxome sentir como Alien, cando é máis unha visión alegórica do presente que unha proxección. Agora ben, este tipo de sentimientos non son específicos de naves espaciais: Stalker ten o seu aquel, por presentar o sentimento de desconcerto e perda en plena natureza. Por último, están as fobias e as ausencias de razón dun mesmo, ás que convén tomarlles a medida para entenderse cos demais: algo non debe de funcionar cando vexo algo de claustrofobia en Star Trek :D

Publicar un comentario