Na beira do Lete

... alampan os recordos todos, como brasas atizadas polo vento da morte.

17 de agosto de 2014

O segredo da árbore

Unha vez preguntáronme o que significaba a árbore que ultimamente estou a empregar a modo de emblema persoal, xa neste blog, xa nalgúns outros lugares, pero evadinme de dar unha resposta. En certo sentido, aínda non lle medraran as raíces: as imaxes poden vir a plasmar un determinado relato preexistente, pero só arraigan cando dan en falar por si mesmas. Por outra banda, os símbolos deben manterse como signos ambiguos para funcionar como tales, entretecidos entre unha franca ansia de comunicación e un secretismo impasible.

En boa medida, a imaxe da árbore nace soa, sen un traballo previo de recompilación das razóns de fondo: aparece como un dos motivos que protagonizan a escena na que un can de aparencia algo felina se precipita camiño abaixo cara unha aldea que se afunde no val. O escenario, que se pecha en diagonal descendente cunha cortiña de árbores que oculta o horizonte, ofrécese dominado en altura e extensión pola figura da árbore vella e espida, que asoma con pose forzada e inestable no cimo dun penedo.

Árbore

A esfera dos contidos evidentes complétase ao observar illadamente a árbore, tal como aparece na icona resultante: malia a inxenuidade técnica e a tendencia ao esquematismo (máis produto da falta de maña que dunha vontade consciente), pódese distinguir que é unha árbore frondosa, robusta e de folla caduca, cunha casca grosa e rugosa, de porte que pode lembrar un carballo maduro, cernado e repolado algunha vez. Adicionalmente, a disposición das pólas parece unha forma de introducir no cadro un elemento externo e invisible: o vento, que sopra con forza cara á dereita e dota dun irreal dinamismo a figura, tornando o que se supoñen ramas nunha sorte de cintas ou serpentinas.

Pero aínda que os motivos representados non ofrecen moitas dúbidas, alguén pensou que a imaxe non era abondo comprensible mediante a simple constatación destes elementos. É dicir, pensou que a árbore se apoia en ideas conscientes, pero non explicitadas, que constitúen o seu verdadeiro significado intencional, o seu simbolismo. Igual que recoñecera a simple vista aquel tronco, aquelas pólas e aquel vento, aquela persoa seguramente recoñecera sen esforzo algúns dos significados convencionais que tradicionalmente se lle imputan ás árbores. Neste punto, seguramente se lle presentaría a necesidade de contar coa súa bagaxe iconográfica para encamiñar nalgunha dirección a súa interpretación e mesmo se vería arrastrada involuntariamente por unha infinidade de sentidos que, coma os das palabras da lingua, botan as súas raíces en lugares remotos da conciencia.

O tronco, as pólas e o vento non son motivos neutrais nin indiferentes, non son uns extraterrestres que haxa que tentear para saber das súas intencións; todo o contrario, son vellos coñecidos coas pegadas da historia no lombo, e non poden resetearse sen resetear primeiro a quen os mira. Así que, de xeito máis ou menos consciente, detrás da árbore atoparanse referencias á fortaleza, atribuída en particular ao carballo, pero non só en termos de porte, dureza e poderío, senón tamén de resistencia ao tempo, de supervivencia, o que conecta cunha concepción da árbore como ancián venerable, como ser extraordinario na súa comuñón co insondable pulso da natureza. Máis que a vellez, a árbore suxire a eternidade: cando a certa idade se converte nun xigante na paisaxe, as diferentes culturas lle aplican, dun xeito ou outro, unha aura sagrada e sobrenatural, talvez porque na árbore albiscan o misterio da vida, coas súas cíclicas resurreccións, e mesmo, abandonándose a unha visión máis máxica, aparece como centro do universo, orixe e destino, enlace axial entre o inframundo, a terra dos homes e o abismo celeste. Velaquí que o vento aparece coma contrapunto da forza vital, coa súa coñecida alusión á vaidade, á fugacidade e á perda, escenificada mesmo en termos de destrución violenta; mais subsiste unha apertura á outra grande acepción simbólica do vento: a do espírito mensaxeiro que se infiltra nos músculos e os sacude como a alarma dun espertador.

Aínda tendo a man todos estes elementos para dar sentido a unha figura que podía pasar sen el perfectamente, esta persoa non deu por satisfeita a súa curiosidade: quizais figurouse que detrás da árbore había ideas tan persoais que non quedaba outra que preguntarme por elas. Ou, máis probablemente, foi un simple xesto de cortesía cara min. En calquera caso, preguntoume, e iso é o que dá sentido a esta explicación, que non é tanto a revelación dun programa oculto como o resultado dunha reconstrución a posteriori da caótica constelación de ideas que motivou orixinalmente a imaxe.

No lugar do que tantas veces falei neste blog había un campo que chamaban a Viña, pero que por entón xa estaba case todo reconvertido nun verde pasteiro. Nun dos seus laterais había unha illa de árbores, desas que na xardinería paisaxista británica chaman clumps, pero esta non tiña nada que ver cun espazo planificado cunha finalidade estética: tratábase dunha devesa case toda de carballos que medraran ao amparo dun grupo de penedos, ofrecendo rendemento en leña a un terreo que non invitaba a ser cultivado. Aquel macizo de árbores fora escenario, dende antes de nacer eu, dos xogos dos nenos do lugar, especialmente na súa cara posterior, que caía en pendente e limitaba cun campiño que chamaban o Lamelo. Nesa vertente, agochada de costas á casa, o clump aparecía como un promontorio que enfatizaba os penedos e os carballos que medraban sobre el: o camiño que o atravesaba prestábaselle aos nenos para tirarse de cu ou en carrilana, mentres que a parte superior se convertía nunha inmensa piscina de follas secas no inverno, con grandes trampolíns e bordos de granito dende onde se facía pé ata onde cubría.

En altura, o escenario aparecía cuberto polas pólas entretecidas das vellas árbores, das que sobresaía unha en particular: a que se situaba máis ou menos no centro, flanqueando o camiño de baixada, cun tronco groso e agretado e cunha plataforma aberta como unha flor na parte superior, que o convertía nun dos aspirantes a albergar unha casiña arbórea. Ante a imposibilidade desta construción, a casiña rematou por facerse en miniatura, sobre un dos penedos, empregando cascallos de ladrillo, seixos, cemento e unha cuberta de táboa e xestas. Pero non deixaba de ser unha alusión ao carácter doméstico, íntimo, daquel illote que reinaba sobre o campo coma a mole dun mosteiro, do que aquela árbore emerxía coma o ciborio da igrexa.

Lembro con toda nitidez aquela monumental estampa diante de min, cunha extraordinaria capacidade de saciar os sentidos, de colmar a mente toda, de ancorarme ao mundo físico cunha sensación liberadora de verdade e de claridade. E non unha vez nin dúas: nos últimos anos que visitei aquel lugar, o primeiro que facía ao baixar do coche era dirixirme ao cimo da viña, dende onde aquel bosquiño irregular, desordenado e practicamente fortuíto gozaba dunha contundente beleza primaria, intemporal, clásica. Entón a alma prorrompía nun cheo orquestral que rebotaba en todas direccións, como se acabase de recuperar algo que tiña esquecido: unha promesa de permanencia incondicional.

No proceso de valoración desta vista, que acadou unha grande intensidade nos últimos meses de 1999, xogou un decisivo papel o meu descubrimento da pintura de Friedrich. Os sentidos tradicionais da árbore, amplamente utilizada nos anos 90 en todas as facetas da cultura, flotaban con certa indefinición na miña mirada sobre o mundo rústico. Pero cando en 1998 a estreada conexión a internet me deu pé a descubrir varias pinturas do artista romántico, sentín a forte impresión de que aquilo ía máis alá da mística que coñecera ata entón mediante infinidade de pílulas salpicadas no cine, os videoxogos e os anuncios de televisión. Partindo da portada dun CD das sonatas de Beethoven que representaba o Home e muller contemplando a lúa, as imaxes que fun recompilando a continuación tiñan en común o extraordinario protagonismo concedido ás árbores, nomeadamente aos carballos, que frecuentemente ocupaban o centro da composición a medio camiño entre a fidelidade empírica, sensorial, e un forte expresivismo que connotaba a vivencia espiritual humana.

A finais de 1999, na que probablemente foi a miña penúltima visita a aquel lugar, repetín a miña tradicional subida ao cimo da Viña; pero aquela vez foi moi diferente, pois o recuncho do Lamelo e unha parte da Viña amosaban xa as consecuencias do reparto das terras entre novos propietarios: aquela illa de árbores comezara a ser desmantelada coma un edificio vello co obxectivo de cubrir a parcela dunha plantación de piñeiros en cuadrícula, e para iso penedos e carballos foran arrincados con ferocidade, baixo a implacable determinación de corrixir o que agora se consideraba unha anomalía. O procedemento elixido, que relegaba a motoserra a un segundo momento, ofrecía unha especial brutalidade no feito de derrubar a forza de tractor as árbores, que caían extenuadas tras dunha titánica loita contra cordas e cadeas.

A imaxe daqueles xigantes deitados, espidos, retortos, coas raíces esgazadas apuntando ao ceo, co sangue coagulado naqueles terróns colgantes, golpeoume moi duramente e suxeriume outro dos meus descubrimentos do momento: as pasaxes máis macabras e patéticas da música de Mahler, como a súa sexta sinfonía e sobre todo o lied Revelge, cuxa letra fai referencia a un exército de esqueletos que marchan en procesión: "... tocarei o meu tambor ou perdereime completamente; os irmáns, completamente esparexidos, xacen coma se foran segados".

Aínda que non me faga falta probar que esta imaxe condicionou a lectura da escena real, non deixou de sorprenderme atopar que xa a comuniquei a algunhas persoas de confianza dende o primeiro momento, como amosan algúns emails que me intercambiaba en marzo de 2000 cunha amiga: "...los árboles se retuercen (...), hay dos que están tirados al lado de las peñas musgosas donde estaba la casita y sobre ellos el cielo que se precipita en diagonal (...). Están arrancados de raíz, retorcidos por arriba y por abajo, fantasmagóricos, muertos, como dos esqueletos derrotados (...)".

Por último, tamén se pode afondar na significación do vento. Nunha aletargada tarde de verán, o vento era o motor que revivía a paisaxe: de súpeto, todas as árbores espertaban sacudidas por unha onda de furia, e arrincábanse a zoar axitando furiosamente os arcos dos seus violíns, mentres eu, golpeado por unha mesma forza, sentía que escoitaba e que vía por primeira vez. Pero na intensidade do varrido do vento agochábase o seu sentido funesto: por unha cómica confusión infantil, a película Gone with the Wind era literalmente a historia dunha xente que perdía a súa casa ante o paso dun furacán, e a impresionante escena final, baixo a enorme árbore espida, producíase en realidade -grazas á referencia do Mago de Oz- no cimo dunhas nubes que a violencia do trebón tornara incandescentes. Xusto neste punto atopa o seu sentido o lema do blog: é na árbore agonizante, reclinada sobre as augas negras do Lete, onde alampan os recordos todos, como brasas atizadas polo vento da morte.

Unha vez desmontada a árbore e aireados os seus segredos, non cabe esperar que a imaxe se vexa dignificada. Os fenómenos da natureza, os simples vexetais medrando sobre a terra, fraguan nunha imaxe con significado dende o momento en que espertan o noso afecto e nos provocan pracer. O que pasou aquí é que se procedeu a unha apropiación unilateral, desconsiderada e mesmo ilexítima do territorio que deu en resolverse nunha traumática separación. En concreto, a árbore representa un grave conflito de intereses entre a obvia visión utilitarista e a retorta visión estética, prepotente, totalizadora e inmobilista, falsamente desinteresada, conformada inconscientemente a base de clixés fabricados en mentes máis vivas. Convertida en idoliño, a icona da árbore é residuo dos atávicos filtros que operan na mirada, ocultándonos a espantosa probabilidade de que o mundo chegue a ser pracenteiro para quen o contemple un día dende os alxubes dunha nave espacial a millóns de quilómetros da Terra.


Imaxe ao pé: Yggdrasil, o Freixo do Mundo, segundo unha ilustración de Ul de Rico para O ocaso dos deuses de Wagner